ALGO VELLO, PRA MIN NOVO

Escribir poemas en prosa e a conversión a esta forma de toda a miña obra literaria non é só unha elección técnica. É unha maneira de falar sen corsé, de deixar que a emoción marque o ritmo, e non o verso. É escribir como quen conta unha historia xunto ao lume: con pausa, con verdade. Porque hai versos que non saben a poema, e hai sentimentos que piden un camiño amplo, como os que atravesan a serra sen mirar atrás.

A prosa poética é ese camiño. Para quen ve poesía nun instante, nun recordo, nunha canción que se perde entre as pedras. Para quen sabe que a beleza sempre toca.

Aquí, en oquintodotempo.com/, e co recordo de Galicia, aprendo a contalo todo coa sal e coa brétema da vida. Na miña poesía río, choro, suplico, admiro, bailo, envexo, boto de menos, canto… mesmo cando chove no meu corazón. Escribir así é tamén iso: unha forma de galeguidade desde Madrid, de facer da palabra un refuxio, de expandir o verso na prosa, de dixerir todo tipo de emoción ata que se volve ritual. A pel que fala de min non precisa sílabas para emocionar. Só precisa verdade. E tempo para que ti a leas só ou en compañía.