busco un exceso de amor onde só hai unha man cega, quero apresar a lonxitude do teu tempo coa silueta dos meus desequilibrios e das miñas tolemias, toco a túa alma cando só queres un abrigo para túa pel sen sentimentos, deambulo melancolicamente pola embriaguez dos namorados que non queren saber de amor, e esperto a media noite cunha amalgama de criaturas informes na miña mente que regurxitan outra noite de soidades nocturnas.
«CANDO CHOVE POR DENTRO»
GUSTARÍAME…
Gustaríame gozar dun sorriso, sexa novo ou xa maduro; liberarme da tristeza coa forza dun titán; queimarme no forno dunha ausencia; deshabitar a floración da miña soidade; ser un home que non chorara de noite; ter no meu carón unha muller que me fixera máis vivo; saber a razón da miña tristura conxénita; despedirme de ti coas miñas mans sempre nos teus seos. Xa non sei o que me gustaría!
AQUELA TARDE
A tarde cae amodo sobre a mesa daquel bar. Dúas copas baleiras, algúns recordos e un imposible no que nos empeñamos en crer. Ti falas dos nosos sentimentos como o mariñeiro que come ao noso lado fala do mar: ás veces en calma, reflectindo o ceo, e outras axitados en tormentas interminables. E eu, crédulo e infeliz, asinto. Imaxino os dous sos nun barco rumbo a ningunha parte, coma dis ti porque o noso ten menos vida cun prato baleiro. Non quero saber que nese mesmo intre xa te tiña perdida.
O DESEXO
A miña sombra ri de min, con esa ironía silenciosa que parece coñecer todos os meus segredos, e dime que o corpo os esquece co tempo. Pero non é certo, porque abonda con pensarte un instante —lembrar a túa doce pel, a túa excitada respiración, a maneira en que te achegabas sen présa— para que algo dentro, e fóra, de min esperte.
Entón a miña man lembra antes incluso de que o decida a mente, e comeza a moverse amodo, cun ritmo antigo e natural, como a marea que avanza e retrocede sen pedir permiso.
Pouco a pouco o corpo volve latexar cunha intensidade que cría apagada, e cada recordo faise máis nítido: a túa boca, a túa lingua, a noite na que os nosos corpos se buscaron con urxencia mentres o resto do mundo desaparecía arredor.
A miña sombra intenta determe, intenta convencerme de que todo iso pertence ao pasado, pero o desexo xa comezou a camiñar e non escoita advertencias.
A habitación parece arder amodo, coma se o aire mesmo estivese cargado dunha electricidade suave, e dentro de min medra unha onda que non deixa de elevarse.
Pecho os ollos e deixo que chegue ese intre inevitable, esa convulsión breve e fonda do pracer que atravesa o corpo como un lóstrego silencioso.
Despois chega o silencio, e a respiración volve pouco a pouco ao seu ritmo lento mentres o corpo recompón a calma.
Entón érgome, recollo as cinsas invisibles que quedan na habitación, e escribo con elas, porque mesmo a ausencia pode converterse en palabras.
CINZAS
Esperto entre cinzas, coa sensación de que algo ardeu en min durante a noite. Érgome amodo, sacudo o po gris do corpo, como se cada movemento espertase recordos antigos. Houbo en min un lume intenso. Agora quedan só brasas ocultas. Tócome o peito e algo esperta: a memoria do teu corpo. Imaxino a túa boca. A túa respiración. O calor. Pero a sombra aparece e murmura: —Xa non volverá. E aínda así, algo queda. Non é lume. É unha brasa pequena… pero viva.
