«CANDO CHOVE POR DENTRO»

MOITAS NOITES…

Levo moitas noites queimando a dor dun baleiro ancestral. Levo moitas noites seguindo a estela dun camiño de orfandade. Levo moitas noites sentindo frío en calquera instante do día. Levo moitas noites enterrando soños namorados cada vez que unha muller me mira. Levo moitas noites lembrando o noso último roce de corpos. 

OS MEUS VERSOS

Escribir sempre foi, para min, unha forma de estar só sen estalo do todo. Os meus poemas nacen da necesidade de dicir o que calo, de mirar o que evito, de poñer palabras ao que doe, ao que permanece e ao que nunca volveu. Non busco comodidade. Non hai frases fáciles nin beleza impostada. Hai preguntas, feridas, desexos, silencios longos. Falo do amor, pero non do perfecto. Falo do que chega tarde, do que se rompe, do que queda a medias.

Falo da muller como presenza real: complexa, contraditoria, luminosa e escura. Falo da soidade, da escollida e da imposta. Porque ás veces non é estar só, senón non poder dicir o importante. Falo do tempo. Do que leva e do que deixa. E sobre todo, escribo con sinceridade. Espirme non é quitar a roupa. É dicir a verdade. 

SEN TI

A maleza que medra en min desde que marchaches está chea de animais indómitos e xeroglíficos imposibles. Xa non estás comigo, e o que parecía un home pleno converteuse nun esperpento, nun museo de debilidades. Aquela conversa na distancia segue na miña memoria, espíndome por dentro cada vez que noto a túa ausencia. Deixaches o meu presente tan espido, tan seco, que á miña habitación só veñen morcegos e vermes precociñados.

O AMOR

Agochase nos poros da miña pel, nos pregues da memoria, na respiración lenta das madrugadas. Queda nas cousas pequenas: unha palabra dita en silencio, unha canción que xa non escoito, a forma en que o teu nome se acomodaba na miña boca. O «nós» non sobreviviu. Quedan fragmentos. Po. Restos dunha historia que agora camiñan separados. E aquí estou. Habitando un corpo que aínda sabe quererte, aínda que xa non teña onde facelo. Ás veces pregúntome se o amor remata realmente… ou se simplemente aprende outra maneira de quedar so. 

A MIÑA MAN

A miña memoria lembra o que o amor esquece. Por iso algunhas noites esperto coa sensación de que aínda estás aquí. Non no cuarto daquel hotel suado, senón nun lugar máis fondo, onde a pel garda os hábitos antigos. Hai xestos que sobreviven á despedida. A miña man sabe que o espazo que ocupabas agora é territorio sen dono. Non entende de finais. Só avanza, coa paciencia cega de quen amou demasiado tempo. Ás veces penso que o amor non desaparece. Só cambia de lugar.