«CANDO CHOVE POR DENTRO»

A ILUSIÓN AMOROSA

Onte naciches na miña memoria, espida, sen forma nin defensa, e despois chegaron as quimeras a cubrirte, a inventarte unha pel que non era do todo túa. No medio desa invención, o meu corazón —afeito á penumbra— atopou na túa luz non unha certeza, senón unha dúbida persistente, case luminosa.

Crin en ti cunha fe amarga, calada, obstinada, coma se cada latexar fose un elo invisible que me ataba a unha primavera que nunca acababa de chegar.

Agora pídoche que non perturbes máis o que en min aínda tenta ser verdadeiro, porque hai unha parte da miña alma que xa se recoñece soa, coma se enviuvara de algo que nunca chegou a posuír do todo. 

DÍAS

Hai días nos que o pasado regresa sen facer ruído, como un mal soño que se desliza pola penumbra da mañá. Non chama á porta nin anuncia a súa chegada. Simplemente aparece e senta ao meu lado como se nunca marchara.

Mírame en silencio e agarda. E nese silencio as horas vólvense lentas, coma se o tempo dubidase. Entón a memoria abre as súas fiestras e regresan os rostros, as palabras esquecidas, a luz tenue do que fomos. 

NA TÚA AUSENCIA

Na túa ausencia… vivo espido de vivencias e peregrino cara a un corpo que só provoca en min un orgasmo de náuseas, ese que en lugar de pracer me fere con verbas de quentes recordos nunha cama que xa non é miña. 

CONCLUSIÓN

As historias do meu tétrico pasado apresúranse ruidosas nas miñas borracheiras de risas efémeras. E cando estou cheo de viño branco cáense da miña memoria facendo un espiral de bágoas que me afogan inda que teña un corazón asolagado de promesas baleiras. 

CHARLA

Unha charla calquera é o corredor dun vertixe indescritible. O meu presente móstrase absolutamente espido e á miña memoria só acoden habitacións de hotel deshabitadas. Lámpadas acesas para ninguén, cortinas que nunca abrín, vasos cun resto de auga morna ao pé dunha cama impersoal. Mentres falo, sinto ás palabras sosténdome apenas, como táboas húmidas sobre un pozo sen fondo. O outro sorrí, pregunta, continúa a conversa, pero eu xa estou noutro sitio: nun corredor interminable, escoitando portas pecharse ao lonxe. Hai conversacións que non unen a ninguén. Só fan máis visible o eco.