«CANDO CHOVE POR DENTRO»

ACTOR

Ás veces penso que vivo coma se camiñase sobre un escenario invisible. Cada día deseño un xesto, unha voz, unha maneira de mirar o mundo, e saio representar un papel. Non sempre é unha mentira; moitas veces é simplemente a forma na que aprendo a convivir cos demais.

No traballo interpreto seguridade; na familia, tenrura; e diante dos descoñecidos, prudencia. Pero detrás de cada máscara hai algo verdadeiro que respira en min. Finxir, ás veces, non é enganar: é protexer o que aínda non sei como mostrar.

Son un actor, si, pero tamén son o autor do guión que vou escribindo con cada decisión, con cada vivencia. Quizais a miña sinceridade non consista en non actuar nunca, senón en non esquecer quen son cando baixa o pano.

E quizais a miña vida sexa precisamente iso: unha obra imperfecta onde, entre papel e papel, busco o instante no que por fin deixo de representar e simplemente son. 

VERBOS

Porfío por un xa imposible. Ulo gratuitamente o arrecendo a xasmín da túa pel afastada. Falo contigo en silencio no colo dunha luz outonal. Perverto os soños que se centran nos teus peitos e espido o meu corpo á espera dun sexo que me dea un sopro de paz. 

MEMORIA

A memoria, filla bastarda da verdade, rara vez me visita cando a clarividencia se apodera de min. Aparece como un rastro, como algo que permanece cando o tempo xa pasou. É caprichosa: garda o que quere, esquece o que debería lembrar. Estes poemas nacen dese territorio incerto. Non queren reconstruír nada. Son fragmentos. Instantes suspendidos. Porque a memoria, no fondo, é iso: non lume… senón cinza que aínda conserva calor. 

LEVO MOITAS NOITES…

Levo moitas noites buscando uns beizos que me queimen antes do bico. Levo moitas noites vivindo nun corazón que só me xera sufrimento. Levo moitas noites sen recoñecer uns ollos, unhas mans. Levo moitas noites esperando. 

DIAPASÓN

Carezo de diapasón. Nunca souben o valor dunha boa afinación. Pero sigo buscándoa, porque sei que sen ela non podo ser quen quero ser. Ás veces confundo ruído con rumbo, e silencio con paz. Vou ás apalpadas, tentando recoñecer a nota exacta que me devolva a min mesmo. Quizais vivir sexa isto: desafinar ata aprender a escoitarse.